Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
A Monarquía na Historia
  • Escuchar
  • Imprimir la página
  • Enviar a un amigo
  • Suscribirse al RSS de la página
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en Twitter
  • Compartir en Linkedin
  • Compartir en Google+

A Monarquía na Historia de España

 
Amonarquía, nas súas diferentes concepcións e modalidades, veu sendo de modo predominante a forma de goberno, ou de máxima organización do poder político, que se coñeceu en España e nos seus territorios adxacentes e insulares ao longo da historia. Neste sentido, a historia político-institucional de España, coma a doutros países europeos, é en parte a historia da súa monarquía e dos seus reis.


"Regnorum Hispaniae nova descriptio". 1631. Willem Blaeu.

Xa reinos míticos da antigüidade, como Tartesos no sur peninsular, ou os pobos tradicionalmente asentados en toda Iberia desde a Idade dos Metais –iberos, celtas e outros– adoptaron de xeito maioritario formas de goberno e de poder de definición e estrutura monárquicas.

A civilización romana na península a partir de finais do século III a. de C. consolidou esa tendencia ao incorporar a península –desde entón coñecida como Hispania– ao marco do Imperio Romano. Este afirmouse como unha construción política netamente monárquica desde a plena incorporación de Hispania en tempos do primeiro emperador, Augusto. Hispania deulle a Roma algúns dos seus principais emperadores, como Traxano –que estendeu as súas fronteiras desde as illas a Mesopotamia, incluíndo a actual Romanía–; Adriano e Marco Aurelio –coñecidos pola pegada cultural, filosófica e artística que legaron– ou Teodosio, o Grande, que dividiu definitivamente o Imperio en dúas partes, co que posibilitou a existencia e continuidade dun grande estado de cuño grecolatino no orbe oriental –o Imperio Romano de Oriente, comunmente chamado Imperio Bizantino– ata os albores da Idade Moderna a mediados do século XV.
O colapso e a desintegración do Imperio Romano Occidental, en gran parte propiciados pola incursión de pobos de orixe xermánica organizados tamén ao modo monárquico, trouxeron consigo a articulación de reinos independentes nas antigas provincias romanas. En Hispania, instalouse a partir do século V d. de C. o pobo visigodo que, oriúndo do norte de Europa, viña transitando por territorio romano desde había varios séculos. Xa o rei Ataúlfo, primeiro monarca visigodo que reina en Hispania aínda baixo soberanía formal romana, adoptou disposicións rexias no que se considera unha mostra de exercicio de poder real autónomo en España hai mil seiscentos anos. Posteriormente, co rei Leovixildo e os seus sucesores, alcanzouse nos séculos VI e VII unha forma de unidade política, territorial, xurídica e relixiosa do territorio hispánico, tras seren reducidos algúns poderes rivais, como o reino suevo instalado no noroccidente peninsular, e tras unificárense códigos legais para a súa aplicación indistinta aos poboadores de orixe romana e goda e lograrse a unidade relixiosa arredor do catolicismo tras o definitivo apartamento do arrianismo.
A monarquía hispanogoda, que se recoñeceu política e legalmente herdeira e sucesora de Roma na península, constitúe a primeira realización efectiva dun reino ou estado independente de ámbito e territorialidade plenamente hispánicos. A súa coroa ou xefatura máxima tivo carácter electivo ao seren seleccionados os seus monarcas dentro dunha determinada estirpe.
O derrubamento do reino hispanogodo como consecuencia dos seus conflitos intestinos e da conquista musulmá deu comezo ao longo proceso convencional e historicamente denominado Reconquista. En varios núcleos cristiáns do norte peninsular –particularmente en Asturias– constituíronse reinos e espazos articulados monarquicamente que, de xeito paulatino e ininterrompido, procederon a recuperar o territorio peninsular tendo como referente o extinguido reino hispanogodo e como obxectivo a súa plena restauración.
Asturias, Galicia, León y Castilla, así como Navarra, Aragón e os condados cataláns consolidaron os seus soares orixinarios e ampliaron os seus territorios favorecendo tamén a creación de novos reinos nos espazos adxacentes. Así se articularon na península e nas illas outros reinos como Portugal, Valencia e Mallorca. Por aqueles séculos, o sector peninsular correspondente a al-Andalus organizouse, como o cristián, ao modo monárquico e constitúense, segundo os distintos períodos, o emirato e o califato de Córdoba e, despois, os reinos de taifas. 
Cabe destacar que tanto na Hispania cristiá, herdeira da tradición hispanorromana e hispanogoda, coma na al-Andalus se organizaron institucionalmente as máis altas percepcións das cosmovisións monárquicas que imperaban no mundo daquela. Así, se na Europa occidental o máximo rango político-formal correspondía ao emperador do sacro Imperio Romano Xermánico, na España cristiá foron varios os reis –particularmente Afonso VI e Afonso VII de León e Castilla– que asumiron a dignidade de emperador de España ou das Españas. En terras hispanomusulmás, monarcas de Córdoba adoptaron os títulos de emir e califa, ao igual ca as súas contrapartes do universo islámico afroasiático con centros en Damasco ou Bagdad.
A culminación da Reconquista a finais do século XV tivo como resultado a extinción do espazo hispanomusulmán e a converxencia política e territorial das principais coroas españolas, as de Castilla e Aragón, cuns mesmos monarcas, os Reis Católicos Isabel e Fernando. A esa unión monárquica incorporáronse pouco despois o reino de Navarra e, a finais do seguinte século, con Filipe II, o reino de Portugal, co que se logra a completa unión peninsular hispánica, ou ibérica, no marco dunha monarquía común. Coetaneamente, e tamén con posterioridade, durante os séculos XVII e XVIII, a monarquía de España adquiriu unha dimensión planetaria coa conseguinte incorporación de territorios e reinos en diferentes continentes. Os pobos e territorios de América organizáronse como os das terras andaluzas despois das conquistas de tempos de Fernando III, o Santo. O mesmo ca en Andalucía se formaron reinos –os de Jaén, Córdoba, Sevilla, e posteriormente Granada– nas Indias tamén se constituíron reinos con vicerreis como delegados do monarca, en Nova España, O Perú e, posteriormente, en Nova Granada e no Prata, polo que o rei se consideraba sucesor dos emperadores, como se quixo expresar mediante as esculturas de Moctezuma, último emperador azteca, e de Atahualpa, último emperador incaico, situadas nunha das fachadas do Palacio Real de Madrid. 
O título ou tratamento tradicional de “católicos” concedido polo papa Alexandre VI en 1496 aos reis de España Fernando e Isabel, e aos seus sucesores, fixo referencia, no seu momento, á concreta adscrición relixiosa do monarca e á súa defensa da fe católica, aínda que tamén denotaba, segundo certas interpretacións, unha proxección de carácter ecuménico e universalista nun momento no que, por primeira vez na historia do mundo, un poder político –neste caso a monarquía hispánica– alcanzaba unha dimensión global con soberanía e presenza efectiva en todos os continentes –América, Europa, Asia, África e Oceanía– e nos principais mares e océanos –Atlántico, Pacífico, Índico e Mediterráneo–.
Consecuencia do proceso histórico acumulativo e incorporador da monarquía española foron as específicas titulacións utilizadas polos reis de España. Xunto ao título curto –rei de España ou das Españas–, que fai referencia sintética ao soar orixinario da monarquía, utilizouse oficialmente en cada reinado e ata o século XIX o título grande ou longo, con explícita mención dos territorios e títulos cos que reinaba o monarca español, cos que reinaran os seus antepasados ou sobre os que se consideraba que tiña lexítimo dereito. Sirva como mostra a extensa titulación de Carlos IV, aínda en 1805, plasmada na Real Cédula que precedía ao texto legal da novísima recompilación das leis de España con ocasión da súa promulgación: "Don Carlos, pola graza de Deus, rei de Castilla, de León, de Aragón, de Dúas Sicilias, de Xerusalén, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia, de Mallorca, de Menorca, de Sevilla, de Sardeña, de Córdoba, de Córsega, de Murcia, de Jaén, dos Algarbes, de Algeciras, de Xibraltar, das illas de Canaria, das Indias Orientais e Occidentais, illas e terra firme do mar océano; arquiduque de Austria; duque de Borgoña, de Brabante e de Milán; conde de Apsburg, de Flandres, Tirol e Barcelona; señor de Vizcaya e de Molina". Cabe subliñar que a vixente Constitución española, no seu artigo 56.2, sinala que o título do xefe do Estado "é o de rei de España e poderá utilizar os demais que lle correspondan á Coroa".

Como vértice superior do Estado monárquico, á Coroa correspondéronlle  en tempos medievais e no Antigo Réxime as máximas e máis amplas funcións gobernativas e, por iso, tamén unha especial responsabilidade tanto nos acertos coma nos erros.
Sancho III, o Maior, rei de Navarra, xa no século XI reuniu baixo o seu trono unha parte substancial da España cristiá. Non obstante, ao igual ca outros reis medievais hispanos e por causa dunha tradicional visión patrimonialista da monarquía, dispuxo que se dividisen os seus dominios tras o seu falecemento. O rei de León, Afonso IX, adiantouse ao seu tempo convocando en 1188 as primeiras Cortes da historia europea con participación cidadá, nobre e eclesiástica. Fernando III, o Santo, unificou definitivamente os reinos de Castilla e de León e deulle un impulso irreversible á Reconquista. Afonso X, o Sabio, favoreceu a cultura e as artes, ademais de establecer os fundamentos lexislativos e da facenda pública dunha nova forma de Estado monárquico. Xaime I de Aragón e os seus sucesores afirmaron a unión política dos territorios da Coroa aragonesa e a súa expansión ultramarina mediterránea.
Xa na Idade Moderna, os Reis Católicos, ademais de completar a Reconquista e posibilitar o descubrimento do Novo Mundo, impulsaron o dereito de xentes –embrión e base do futuro dereito internacional–, así como unha lexislación indiana nova no seu tempo pola protección de dereitos que propugnaba e a alternativa expulsión-conversión ao cristianismo da poboación xudía en España. Carlos I que, cos recursos políticos, económicos e militares de España, sumou aos seus dominios o sacro Imperio Romano Xermánico e, sobre todo, os grandes imperios e territorios americanos de México e O Perú, e que se converteu por iso nun dos monarcas máis famosos da historia universal, máis coñecido como Carlos V, o Emperador. Non obstante, deu termo aos movementos que en España loitaban polas liberdades das cidades arredor de 1520. Filipe II, unificador da península ao incorporar Portugal á Coroa –e que previamente fora rei de Inglaterra e Irlanda por vía matrimonial–, representou o apoxeo da monarquía hispánica no mundo, a cal mantivo unha posición preeminente de hexemonía con Filipe III e Filipe IV –o rei Planeta–, ata mediados do século XVII. Tras o período ilustrado do século XVIII, impulsado por soberanos como Filipe V, Fernando VI e Carlos III e Carlos IV, seguiron tempos de inestabilidade política, económica e social con motivo das consecuencias da guerra contra os exércitos de Napoleón Bonaparte entre 1808 e 1814.
O tránsito do Antigo Réxime ao Estado Liberal é tamén o tránsito da soberanía como competencia do rei á soberanía como atributo exclusivo da nación e así se estableceu en Cádiz coa Constitución de 1812. Nese proceso de translación da titularidade da soberanía cara ao pobo, o monarca afirmouse como a máxima representación institucional e persoal da nación soberana. Esta translación é fundamental para comprender a identidade final do rei na actualidade como xefe do Estado e representante máximo da nación, na cal reside a soberanía.
Á morte de Fernando VII e en tempos da súa viúva, a raíña gobernadora María Cristina de Borbón, favoreceuse o cambio político para culminar na Constitución de 1837, co que España pasou de estar rexida por unha monarquía absoluta a que a soberanía residise na nación. O século XIX español –que viviría un breve período republicano– foi testemuña de guerras internas entre isabelinos e carlistas. Ao mesmo tempo, durante o reinado de Isabel II, España experimentou cambios de gran transcendencia económica, política e social, ao establecer uns sistemas monetario, de facenda pública e institucional propicios a fomentar un proceso de industrialización fundado nos grandes cambios nos transportes (especialmente co ferrocarril) e nas comunicacións e cunha lexislación que favoreceu a creatividade e as  iniciativas empresariais.
O período da Restauración iniciado en 1875 con Afonso XII rematou en 1931 coa proclamación da Segunda República e o final do reinado de Afonso XIII. Foron anos de gran crecemento económico fundado na industrialización de España, favorecido pola neutralidade durante a Primeira Guerra Mundial. En 1947, oito anos despois do final da Guerra Civil Española e en pleno réxime ditatorial, estableceuse por lei que España era un Estado constituído en reino.
O acceso da Súa Maxestade o Rei don Xoán Carlos I á Xefatura do Estado en 1975 favoreceu e impulsou a transición a un réxime democrático de liberdades plenas e a un Estado social e de dereito consagrado na Constitución de 1978. Os decenios transcorridos desde entón considéranse os de maior progreso económico e social de toda a historia contemporánea de España.
                                                    ***
Á liñaxe real española, que ten as súas raíces nas familias reais dos antigos reinos cristiáns hispánicos da Alta Idade Media, adscribíronse en cada período histórico diferentes casas dinásticas, cada unha delas cun apelido específico co que se designou a familia real. Así, aínda que se admite convencionalmente e desde criterios clasificatorios e historiográficos que sobre a totalidade de España, desde a súa unificación, reinaron as casas de Trastámara, Austria e Borbón, en realidade existe unha continuidade dinástica e de liñaxe que liga xenealoxicamente o actual titular da Coroa de España, a SM o Rei don Felipe VI, coa xeneralidade dos reis españois das idades Moderna e Contemporánea e cos máis remotos monarcas dos reinos medievais peninsulares.